CAL SERÍA A SITUACIÓN ELECTORAL DE GALICIA SE HOXE HOUBESE ELECCIÓNS?

No ecuador da lexislatura, atopámonos cunha escasez de enquisas sobre hipotéticos resultados nuns comicios autonómicos, pero os poucos que se fixeron apuntaron a unha nova vitoria da dereita.

Este novo ano, 2019, destaca en termos políticos pola multitude de eleccións que terán lugar: locais, autonómicas (en trece CC.AA.) e europeas. O que si é practicamente seguro é que non haberá comicios autonómicos en Galicia, os cales convocaranse en 2020. Dende que Feijoo refrendou o seu poderío con 41/75 deputados en setembro de 2016, apenas houbo inquéritos sobre uns hipotéticos resultados neste nivel territorial. Por tanto, as únicas formas de coñecer o actual estado político galego son: esas citadas fontes, os recentes estudos sociolóxicos do CIS, as enquisas aplicadas a outro tipo de eleccións ou fenómenos de relevancia que tiveron lugar nos últimos dous anos a nivel español (o procès ou a irrupción de Vox en Andalucía).

O PPdeG  é, con total seguridade, agora mesmo o primeiro partido galego. Así o apuntou SyM Consulting en maio de 2018, quen lle outorgou 34-37 escanos. A estabilidade política de Galicia, en termos parlamentarios, máis a ausencia de novos escándalos con trascendencia mediática xogan a favor dos populares. Non obstante, estes sofren a ameaza electoral de partidos como Ciudadanos ou Vox, polo que a día de hoxe é probable que os conservadores perdan a maioría absoluta.

En Marea ten sombrías perspectivas electorais. Actualmente os neogaleguistas de esquerda rupturista contan con 14/75 deputados, como o PSdeG. En primeiro lugar está por ver se en 2020 se presentará no formato actual ou se os antivillaristas concorrerán por separado. En segundo termo, as constantes liortas internas posiblemente den lugar a un serio desgaste electoral desta formación, como xa apuntou a citada consultora, que lle deu una perda de un ou dous asentos no Hórreo.

O PSdeG ten un novo líder, Caballero, pero este é aínda moi pouco coñecido entre a poboación galega. O crecemento dos socialdemócratas vese lastrado por esa circunstancia, pola alta competencia na esquerda, a causa da fortaleza social do PP e polo posible desgaste de Pedro Sánchez a nivel central. Por tanto, as súas expectativas de crecemento son limitadas.

O BNG vive un período de paz endóxena e conta con Pontón, a lideresa máis carismática desde os tempos de Beiras á fronte desta organización. O coñecemento da realidade dos problemas de Galicia máis a actitude de loita contra as distintas adversidades son valoradas positivamente por moitos galegos. Pero o feito de ser unha formación independentista e marxista xoga claramente á súa contra. A actual grave crise de En Marea impide deducir con claridade canto pode afectar positivamente ós frontistas en termos electorais. Por outra banda, a elevadada competitividade no campo electoral do BNG, a socioloxía centrista dos galegos (4,98/10 no eixe esquerda-dereita, segundo o CIS de maio de 2015) e o escaso apoio ó aumento do autogoberno (só un 12% dos galegos desexan que este aumente, de acordo co CIS de outubro de 2018) van en contra dos nacionalistas.

Fóra do parlamento galego, debemos ter en conta tamén a outras forzas. A primeira delas é Compromiso por Galicia, o cuarto partido a nivel municipal. Estes, centristas e galeguistas, fan fronteira ideolóxica cos catro grupos do Hórreo e teñen un notable potencial de crecemento. O seu lastre é a súa escasísima presencia mediática.

En relación a Ciudadanos, o desgaste do PP, a ampla bolsa de votantes dos populares máis o apoio á recentralización por parte dun 30% dos galegos (CIS de outubro de 2018) favorecen a aparición no parlamento desta organización españolista e liberal-conservadora. Así, SyM Consulting deulles 4-6 escanos hai máis de medio ano.

Por último, os factores de crecemento de Vox (nacionalconservador e españolista) son os mesmos que nos laranxas. Pero na súa contra xoga a oposición á autonomía galega (o 80% dos cidadáns apoia, como mínimo, este estatus) e o seu carácter altamente dereitista.

En conclusión, hoxe seguramente habería unha nova vitoria azul, pero a diferencia das catro lexislaturas de Fraga ou das tres de Feijoo, o PP posiblemente perdería a maioría absoluta.

¿Te ha gustado? Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *