POR QUE O NACIONALISMO GALEGO NON É EXITOSO ELECTORALMENTE?

O nacionalismo galego volveu colleitar outro fracaso electoral o 28-A. A pretendida recuperación do BNG aínda non chegou e o resto de organizacións galeguistas están electoralmente nunha situación de marxinalidade.

O pasado 28 de abril as forzas nacionalistas galegas (BNG, En Marea, CxG e C21) obtiveron 0/23 congresistas e 0/16 senadores. Foi outro episodio máis de fracaso por parte destas organizacións, as cales nunca venceron en ningunha elección no global de ámbito galego e soamente chegaron a cogobernar como bisagra do PSOE en seis dos trinta e oito anos de autonomía. Así mesmo, o galeguismo de ámbito propio descendeu enormemente en canto a número de apoios dende 1997, cando o BNG obtivera 18/75 escanos autonómicos.

A que se debe esta negativa e persistente circunstancia?

  1. CAUSAS EXTERNAS:
  2. O 80% dos galegos non se sente nacionalista e a media ideolóxica é centrista (4,82/10). Lembremos que no nacionalismo galego case sempre predominou o socialismo (BNG e En Marea son de esquerda alternativa) e os frontistas son, ademais, independentistas.
  3. Os medios de comunicación máis importantes focalízanse esencialmente en forzas de ámbito estatal, polo que son moi determinantes á hora de dar protagonismo aos partidos políticos. BNG e En Marea teñen un protagonismo escaso, pero os partidos de centro galeguista -cun potencial de crecemento electoral a longo prazo se se dan diversas circunstancias- non existen directamente nos media. Por exemplo, se analizamos os partidos nacidos -ou que tiveron o seu auxe- nesta década, observamos como Podemos, Ciudadanos ou VOX creceron moi en parte grazas á participación nas diferentes canles. Pero CxG practicamente non saíu nos medios.
  4. CAUSAS INTERNAS:
  5. A división en distintas candidaturas: Se temos en consideración as barreiras sociolóxicas e do sistema electoral, resulta pouco comprensible, por exemplo, que En Marea e BNG -dúas organizacións xemelgas ideoloxicamente- acudisen por separado ao Congreso dos Deputados e ao Senado. O resultado estaba visto, tal e como eu mesmo anunciara no artigo O previsible erro que cometerán En Marea e BNG nas eleccións xerais.
  6. A falta de márketing político do BNG, a primeira forza nacionalista de Galicia. Aquí apreciamos diferentes elementos que prexudican esta formación:

-O uso dunha linguaxe lusista (Galiza, dicer, incríbel).

-A imaxe de prepotencia ideolóxica que amosan cando se comparan con forzas de ámbito estatal (vese en frases como Se o BNG está, Galiza está) tamén os alonxa da sociedade.

-A non innovación temática do seu discurso cando hai eleccións de índole supraautonómica: o BNG esencialmente se centra en temas de ámbito galego.

-A aposta polo feminismo de terceira onda como un dos eixes da súa campaña distánciaos de boa parte do electorado masculino, cando tradicionalmente máis homes que mulleres votaron historicamente a esta forza.

-O uso dunha palabra como nacionalista nas súas siglas, que é vista como vella e excluente por moitos cidadáns.

-A pesar de que o BNG ten no fondo un discurso rexeneracionista e propio da nova política, moitos dos potenciais votantes non se senten atraídos por velo como unha forza vella, controlada pola UPG e cunhas siglas que xa non representan ao BNG de verdade (o anterior á Asemblea de Amio, de 2012). Por tanto, tamén hai un problema de siglas.

  1. Os aspectos organizativos tamén xogan en contra do nacionalismo galego, pois o principal partido do BNG é a UPG, de ideoloxía independentista e comunista. Ademais, ten unha reputación (inxusta, todo hai que dicilo) de prácticas estalinistas. En todo caso, este elemento desatrae claramente á maioría dos cidadáns da nosa CC.AA..
  2. D) O nacionalismo galego tamén erra na súa estratexia electoral:

-A alianza con ERC e EH-Bildu nas eleccións europeas tamén é unha mala elección estratéxica desde o punto de vista do rendemento electoral. Os primeiros asócianse a un posible delito de rebelión e os segundos, á antiga HB, o brazo político da desaparecida ETA.

-Moitos galegos non comprenden a dureza no discurso de BNG/Anova-IN ou En Marea contra o nacionalismo español por antigalego, mentres esas formacións calan ou se mostran febles cando o nacionalismo catalán ou vasco defende acción vistas como prexudiciais para Galicia (máis partidas orzamentarias para Euzkadi en detrimento de Galicia, rexeitamento do AVE galego polos catalanistas, etc.).

-Os líderes do BNG falaron en varias ocasións da nova política en ton crítico, esquecendo que o caladoiro de votos é moi semellante.

En conclusión, o nacionalismo galego ten un teito electoral polas características sociolóxicas de Galicia. Pero un bo márketing e estratexia electoral seguramente favorecerán o seu crecemento.

¿Te ha gustado? Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *